Descripción
Imaxina que es unha intrépida alpinista ou escalador que forma parte dunha famosa cordada, tes un contrato cun importante patrocinador que só poderás cobrar se cumpres un obxectivo: chegar ao cumio levando todo o material que precises para completar a túa vía, pero... coidado! O resto das xogadoras tamén queren acadar fama mundial e chegar os primeiros, polo que atoparás múltiples obstáculos no teu camiño.
Cordadas é un xogo de cartas de 2 a 6 xogadores en edición bilingüe, galego e castelán, cheo de trasnadas, homes mortos e fenómenos meteorolóxicos adversos que se interporán entre ti e o cumio.
O xogo consta de 79 cartas divididas en diferentes tipos: cartas de materiais, trasnadas, cartas de axuda, cartas home morto e cartas de meteoroloxía adversa. Ademais de 6 cartas de vía que se reparten ao principio da partida e decidirán o tipo de material que cada xogadora deberá reunir.
O obxectivo do xogo é conseguir poñer sobre a mesa 6 cartas de materiais relacionadas coa vía que che tocou así, hai cartas de materiais vermellas que se corresponden a Escalada Clásica, cartas de cor azul que se corresponden a Alpinismo, cartas de cor amarela que se corresponden a Escalada Deportiva e cartas de materiais comúns que valen para os tres tipos de vías.
O resto dos xogadores intentarán evitar que as súas contrincantes gañen o xogo por medio de cartas de trasnadas e cartas de meteoroloxía adversa.
Pero no medio do teu camiño cara o cumio atopas o cadáver doutra montañeira, carta home morto, que saqueas para aproveitar o material útil e así arranxar material danado ou protexerte dunha trasnada.
Ademais, poderás usar diferentes cartas de axuda que dan vantaxes ás xogadoras que as saquen á mesa.
Unha vez que unha das xogadoras consegue 6 materiais útiles para a súa vía, o xogo detense e comeza o reconto final. O xogador que sume máis puntos será o gañador!
Aínda que a temática do xogo é a escalada e o alpinismo, non é necesario coñecer os materiais dos diferentes tipos de vía para poder xogar xa que as cartas se basean nun código de cores.