"7 HERBAS MÁXICAS", Rosalía Bermúdez e Nanda Cabaleiro

22,90 €
IVA incluido más entrega

Núm. producto: LIBRO202

Esgotado
Plazo de envío: 2/3 día(s)

Descripción

Libro


Se es amigo das herbas, dos debuxos, se che gusta o estilo de vida saudable, coidarte de maneira natural, se estás preocupado polo medio natural e pola redución dos plásticos, se che encanta o DIY, e vives tanto nunha contorna rural como nunha urbana… este libro é para ti.

Desfrutarás das historias que xiran ao redor destas 7 herbas máxicas, 7 panaceas do mundo vexetal: a melisa, a herba luísa, o romeu, o sabugueiro, o ourego, a salvia e o áloe vera. Poderaste achegar ás súas propiedades e usos máis estendidos. E sobre todo, á súa aplicación práctica moi fácil.

Poderás descubrir por ti mesmo todo o potencial que as plantas gardan para ti. Este é un libro apetecible, agradable de ver e de ler e, asemade, moi útil. Ademais de numerosos trucos herbais, levarás cinco preparados moi doados.

Se tiñas dúbidas sobre como iniciarte no uso das plantas que te rodean para o teu coidado, acabas de coller o libro perfecto para empezar. Entraranche as ganas de ir creando o teu propio balcón ou xardín de herbas para o teu benestar e de realizar os teus propios remedios naturais ideais para o estilo de vida de hoxe en día.

É unha obra que nace da conxunción do amor pola ilustración, pola arte de Nanda, e do amor polas plantas medicinais de Rosalía. Agardamos que sexa do teu proveito.


Autoras:

Rosalía Bermúdez (texto)

Cando comeza a miña paixón polas plantas medicinais? Quizais dende o meu nacemento, cando a primeira persoa en collerme no colo, despois dos meus pais, foi a miña tía Purificación, amante das plantas e dos remedios caseiros, a muller-medicina da familia. Máis adiante, posiblemente cando quixen buscar alternativas aos tratamentos de síntese para sandar doenzas leves. Tratamentos que intuitivamente rexeitaba porque non estaban en coherencia co meu sentir do coidado integral, para sandar o corpo sen agredilo. Un indicador de pura paixón por elas é cando entro nunha librería, e un radar instintivo me fai localizar os libros de plantas medicinais. Moi probablemente me acompañe un de volta á casa. Chego… e devóroo. Este hobby acabou converténdose na miña profesión cando tiven a fortuna de atender un herbolario en Santiago de Compostela. Todo ese saber que adquirira a través dos libros de xeito autodidacta e do boca a boca retroalimentábase coas achegas dos clientes. Unha auténtica fonte de sabedoría. Tamén constatei a desaparición da íntima relación do ser humano co seu contorno natural, o descoñecemento dos nomes das plantas e dos seus usos. Así que dende hai uns anos decidín compartir toda esta sabedoría popular e científica organizando paseos de recoñecemento de plantas medicinais. Temos todo un verxel ao noso arredor; herbas que, en todo momento, nos están brindando os seus aromas, a súa beleza e a súa medicina. Tan presentes… tan abundantes… e tan esquecidas á vez. E, agora, toca compartir toda esta experiencia a través deste libro. Agardo que sexa do teu proveito e gozo.


Nanda Cabaleiro (ilustracións)

A palabra que máis me define é debuxante. Viaxo desde sempre acompañada polo meu caderno, e desde o 2012, cando entrei en contacto cos cadernistas, formo parte activa da tribo dos USK Debuxantes Urbanos. Arquitecta pola ETSA da Coruña, actualmente desempeño a miña actividade profesional como profesora de FP nun instituto de Santiago de Compostela. As ilustracións de plantas deste libro non son científicas nin exactas, porque pasaron polo filtro do meu caderno e do meu corazón. Este proxecto de mulleres foi para min un goce, acompañando a Rosalia nos seus paseos, onde facía moitos debuxos do natural. Logo chegou a miña amiga Elena maquetando o libro. E cando houbo que sacalo á luz apareceu Laura, a nosa editora. Un traballo en equipo respectando e admirándonos mutuamente. E aquí está o noso libro para que sexades vós os que o gocedes.