BASES 11º concurso micro-relatos OZOCOgz

1. Os micro-relatos deberán estar escritos en lingua galega, podendo empregarse calquera das normativas. Deben ser orixinais, inéditos e non premiados nin presentados a ningún outro concurso ou certame literario. As autoras ou autores serán responsábeis tanto da autenticidade dos textos como dos seus propios datos.

2. A temática leva como título xenérico CONFLITO.

Estamos inmersos nun período da historia especialmente convulso, guerras e tensións por medio mundo, Afganistán, Siria, O Iemen, Etiopía, Ucraína e Palestina son algúns dos máis coñecidos ou, cando menos, dos que máis atención reciben por parte dos medios de comunicación. A isto podemos engadir unha pandemia da que aínda estamos a saír e que contribuíu a incrementar as diferenzas entre os países que chaman do primeiro mundo e o resto, mais que tamén puxo á vista a vulnerabilidade do pobo diante das decisións de gobernantes con máis arrogancia que humanidade.

A globalización da economía, ou o que é o mesmo, a insaciabilidade do capitalismo está provocando éxodos masivos na busca dun suposto futuro mellor, unha busca na que fican polo camiño miles e miles de persoas afogados no Mediterráneo ou tiroteados nas fronteiras dun futuro máis utópico ca real. Unha gran maioría non coñece máis primeiro mundo que un campo de refuxiados, e as e os máis volven derrotadas e derrotados aos seus países de orixe despois de gastar esforzos e aforros intentando fuxir da miseria.

Fantasmas como o da ameaza nuclear retornan con máis protagonistas no escenario; xunto cos sempiternos USA ou Rusia, Irán, Corea do Norte ou mesmo a China amosan o seu armamento sen pudor e sen importarlles o máis mínimo que a maioría do planeta o estea a pasar peor que nunca ou que o cambio climático, do que eles son os máximos responsábeis, provoque auténticas traxedias humanas cando a natureza, por esta causa, se rebela.

As relixións, os chamados extremismos relixiosos semellan volvernos ao pasado, a outros tempos máis irracionais, máis escuros, onde o normal era matar ao infiel. Na actualidade, a propia mudanza dos costumes e dos modos de vida, crea novos conflitos mentres se incrementan outros xa enquistados nesta mal chamada sociedade avanzada. O machismo exacerbado mata a diario a centos de mulleres, o racismo medra, increméntase e con maior crueldade que nunca o acoso escolar ao tempo que a precariedade laboral crea novos tipos de escravitude. A fin de contas o conflito é do máis cotián, está na rúa, nos fogares e até no ocio, os seres humanos estamos en continuo desacordo polo deporte, pola política, na casa, no coche e até botando unha partida de tute ou de parchís... Resumindo, as e os humanos somos CONFLITO.

Esta é a temática que nós propoñemos, coidamos que é o bastante ampla como para dar pé a moitos e diferentes micro-relatos onde a imaxinación e o bo facer da escritora ou do escritor pode gozar dunha gran liberdade creativa.

Desexamos de corazón que este CONFLITO sexa para ben. BOA ESCRITA!!!

3. A autora ou autor deberá cumprir cos seguintes requisitos con carácter obrigatorio. O non cumprimento dalgún destes puntos significa a non aceptación do seu relato no concurso:

  • Ter cumpridos os 16 anos ou máis
  • Ter un perfil en Facebook
  • Compartir o evento do concurso engadindo a etiqueta @ozocogz e os hastags #ConcursoMicro-relatosOZOCOgz e #ConcursoMicrorrelatosOZOCOgz
  • Premer (de non telo feito con anterioridade) no "Gústame" da nosa páxina (FanPage): www.facebook.com/desenho.galego e facerse Seareiro ou Seareira.

4. A extensión máxima dos micro-relatos será de 150 palabras.

5. Os relatos poderanse facer chegar por calquera dos dous métodos seguintes:

  • a. A través dunha mensaxe privada na páxina do Facebook (FanPage) de OZOCOgz. Nesa mensaxe figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos a vosa achega na páxina de facebook e máis na web www.ozocogz-atenda.com
  • b. Por correo electrónico a ozocogz@gmail.com Neste caso figurará no asunto 11 CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz. Deberá indicarse o nome que se usa no perfil de Facebook e, coma no caso anterior, figurará tamén o nome do relato xunto cun pseudónimo, que será o nome que usaremos ao publicarmos o texto na páxina de facebook e máis na nosa web www.ozocogz-atenda.com

En ningún caso se poderá publicar directamente o micro-relato nin na páxina do facebook (FanPage) de OZOCOgz, nin no evento que se creará para o concurso, nin en ningunha outra rede social, ese é un labor exclusivo de OZOCOgz.

Sexa cal for a maneira de facernos chegar o teu micro-relato, agradecemos que nos facilites un número de teléfono co que poder comunicarnos contigo no caso de resultares gañadora ou gañador.

6. OZOCOgz resérvase o dereito de non admitir a concurso aqueles micro-relatos que, entre outras causas, atenten contra o dereito á intimidade, honra e propia imaxe de terceiros/as, ou que conteñan connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade.

7. Os/as usuarios/as de Facebook poderán facer comentarios aos micro-relatos. Estes comentarios serán moderados por OZOCOgz. Os comentarios ou lecturas, sexa cal sexa o seu número ou texto, non implicarán de ningún xeito influencia na votación final.

8. O prazo de envío dos micro-relatos vai dende o 20 de febreiro até o 30 de abril de 2023, ámbalas dúas datas incluídas. O 17 de maio, Día das nosas Letras daremos a coñecer publicamente o nome dos relatos gañadores, quedando por fixar por OZOCOgz unha data posterior para a entrega dos premios.

SELECCIÓN DO GAÑADOR OU GAÑADORA

9. O xurado está formado por Arancha Nogueira (escritora e xornalista), Carlos Labraña (escritor e dramaturgo), Tensi Gesteira (xornalista e crítica literaria) e Fernando Miranda Estévez (libreiro e activista cultural), xunto co gañador da pasada edición do concurso Lito Vila Baleato.

10. Haberá dous (2) micro-relatos gañadores aos que corresponderán os seguintes premios:

Ao 1º premio e relato gañador faráselle entrega de 1 xogo de mesa VACALOURA de OZOCOgz, 1 agasallo de produtos Nela Biosense e 1 vale, obsequio do restaurante A casiña d’avoa en Oseira (Cea), por unha cea degustación incluíndo o aloxamento da noite para dúas persoas.

Ao 2º premio e relato finalista faráselle entrega de 1 agasallo de OZOCOgz, 1 agasallo de produtos Nela Biosense e 1 lote de libros (doados por Aira Editorial e Editorial Galaxia).

11. A decisión do xurado é inapelábel e irrevogábel podendo declarar deserta a totalidade ou algún dos premios no caso de non acadar a calidade necesaria.

12. Calquera cuestión non prevista nestas bases será interpretada e resolta por OZOCOgz en calidade de organizador do concurso.

13. As autoras e autores dos micro-relatos, ao participaren no concurso, permiten a OZOCOgz a súa divulgación pública por calquera medio coñecido ou por coñecer no futuro. OZOCOgz comprométese a respectar sempre os dereitos morais de autoras e autores, nomeadamente no que respecta aos dereitos de paternidade e integridade, polo que sempre se citará a autoras e autores dos micro-relatos presentados ao concurso, e non se alterará o contido dos mesmos.

As autoras e autores, ao participaren no concurso, ceden en exclusiva a OZOCOgz, e por un período de 10 anos, os dereitos patrimoniais ou de explotación sobre as súas obras: dereito de reprodución, dereito de distribución, dereito de comunicación pública e dereito de transformación (tradución e adaptación basicamente).

Se a autora ou autor quixer publicar ou explotar economicamente a obra presentada a concurso deberá pedir autorización previa a OZOCOgz

14. O feito de participar implica a plena aceptación destas bases ou daquelas modificacións puntuais que puidesen xurdir no transcurso do concurso.

O Carballiño, 15 de febreiro de 2023

Eladino Cabanelas

Responsábel de OZOCOgz